Pon o teu

COÑECEMENTO EN ACCIÓN


A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) pon en marcha esta actividade coa finalidade de crear unha oportunidade para que os profesionais do sistema sanitario poidan achegar os seus coñecementos e habilidades para establecer melloras en calquera das áreas incluídas nos tres retos expostos.

Trátase de sumar as intervencións dunha comunidade heteroxénea que intercambie e comparta os seus coñecementos en favor do grupo do que forma parte. Fórmula que inclúe as vantaxes da formación, a posta en práctica dos coñecementos adquiridos e o intercambio de experiencias e coñecementos.

Para iso, ao longo destas xornadas, e en grupos de catro persoas por reto, idearase e crearase un modelo ou prototipo dixital que sirva para desenvolver e transmitir de maneira áxil un coñecemento concreto entre os profesionais do sistema de saúde, relativo á mellora de calquera aspecto que incida sobre algúns dos tres retos.

Nos talleres achéganse tanto metodoloxías para a ideación (desing thinking, lean…) como ferramentas para a creación (maker, vídeo, audio, nube, blogue, redes sociais, software libre, Moodle…). Estes serán impartidos por profesionais expertos en xestión de proxectos e innovación, que guiarán aos equipos de traballo ao longo dos diferentes talleres co obxectivo de chegar a presentar un prototipo final que se inclúa no plan de formación de ACIS, cos correspondentes nomeamentos, remuneración e certificacións habituais para os seus colaboradores.