Author Archives: laura

SEGUNDO OBRADOIRO

Neste 26 de abril cambiamos de escenario desprazándonos ata o laboratorio de innovación social dixital “La Molinera”, en Ourense, que nos sirve para cambiar de aires e traballar nun entorno aberto e inspirador, alonxado dos hospitais e outros lugares nos que traballamos.

Comezamos de novo cunha posta en común do estado actual das liñas desenvolvidas por cada grupo tendo en conta os avances que realizaron ao longo das dúas semanas transcorridas dende o primeiro obradoiro.

O grupo que traballa no Reto 1, coa súa idea de “Consulta compartida”, presentou os seus avances na definición dos contidos que transmitirán no seu prototipo. Daranlle formato de cómic educativo e dedicarán esta tarde completa a traballar nestes sobre o papel. Con posterioridade ao obradoiro traballarán en liña con unha ferramenta específica para darlle forma.

Os grupos que traballan nos Retos 2 “Sensibilización no uso de medicamentos”3 “Adestramento en habilidades sociais” daranlle ao seu prototipo formato de vídeo. Comezan presentado o contido específico que queren transmitir, que ilustrarán coa escenificación de casos prácticos baseados en situacións que se dan na realidade do traballo diario. Acto seguido comezan coa gravación, utlizando as cámaras dispoñibles en La Molinera e probando, no caso do Grupo 2, a gravar cunha cámara de 360 graos, por ver a posibilidade de apreciar no resultado toda a interacción entre os intervinientes no vídeo, que no seu caso representan a pacientes e profesionais.

Unha xornada con moita acción, moita creatividade e moito bo humor!

 

Álbum fotográfico do segundo obradoiro

 


SEGUIMOS NA DISTANCIA

Ata o segundo obradoiro que será o vindeiro xoves os participantes seguimos conectados a través de taboleiros de Trello e así facilitar o traballo na distancia, de cara a darlle forma á estrutura ás accións nas que se vai traballar e os medios que se poden requirir para levar a cabo os prototipos formativos.


OBRADOIRO 1, COMEZAMOS!

O espazo de innovación do Hospital Clínico de Santiago de Compostela sírvenos como primeiro punto de encontro a todos os participantes neste evento, concebido para buscar a efectividade e a intelixencia colectiva como elementos multiplicadores, dándolle o protagonismo a profesionais que teñen moito que dicir pero que non interveñen directamente na xestión do coñecemento.

A dinámica de traballo organizouse en torno aos tres grupos, cada un deles encargado de afrontar un dos retos. Cada participante expúxolle ao resto do grupo a idea que enviou previamente, para debatelas entre todos e decidir que liña seguir de cara a realiación da acción formativa final encamiñada á mellora dos retos.

Na segunda parte da tarde cada grupo presentou, en sesión conxunta, a súa idea final ou obxectivo no que traballar de cara esa acción formativa final.

Percibimos moita pasión, moitas ganas de facer, de escoitar, de aprender, unha vontades de compartir para a mellora común.

E as liñas sobre as que traballará cada grupo son:

Grupo 1. Consulta compartida
Grupo 2. Sensibilización aos pacientes crónicos e aos profesionais no uso do medicamento
Grupo 3. Adestramento en habilidades sociais e emocionais para profesionais


GRUPOS EN MARCHA!

Nas semanas previas ao primeiro obradoiro quedaron configurados os grupos de acción para cada un dos tres retos. Grupos heteroxéneos, con profesionais de diferentes campos que poden achegar visións dende diferentes perspectivas.

Son cinco participantes por cada un deles, que previamente prepararon e enviaron as súas ideas. Vídeos, presentacións, textos… Un gran traballo previo pola súa parte, un gusto ver profesionais con tantas inquedanzas na nosa organización.

Non poden estar todos os que se interesaron polo proxecto, pero contamos con eles para vindeiras convocatorias, que agardamos se produzan.